lunes, 18 de noviembre de 2019

A COSTA DE DEXO: ESTUDO E POESÍA DA NATUREZA



Chegamos ao final do proxecto “Quen pasa a Marola pasa a mar toda” que englobaba as materias de Bioloxía, Lingua Galega e Xeografía e Historia de 1º ESO. Foi un traballo de investigación e creación literaria que tiña como obxectivo afondar no entorno do Monumento Natural da costa Dexo-Serantes (Oleiros).

Na primeira parte en Xeografía delimitamos o lugar a estudar: as súas coordenadas, a superficie e a categoría de espazo protexido no que se atopa dentro dos parques naturais de Galicia. Descubrimos por exemplo que os faros de Mera son torres de enfilación que marcan o camiño aos barcos que entran no porto da Coruña, os perigos da Marola e a orixe do Seixo Branco. Como tiñamos material fotográfico da nosa saída, fixemos unha recompilación e un concurso coas mellores imaxes.



Na parte de Bioloxía, a cada alumno correspondeulle realizar unha investigación de forma individual sobre as especies que habitan nesta costa. O resultado estaría plasmado nunha ficha que formaría parte dun dos produtos finais do proxecto, un ficheiro. Cando visitamos un parque natural observamos paneis informativos que nos achegan a aspectos salientables deses lugares. Esta foi a nosa seguinte tarefa, elaboralos para describir a flora e a fauna desta paisaxe. Neles atopamos imaxes de seres vivos co nome en galego e en latín, xa que así é como se coñecen estas especies no ámbito científico.






Para finalizar o proxecto tocaba a parte de creación literaria en Lingua Galega. Comezamos estudando as características dun pareado, un terceto, un cuarteto ou un soneto e puxémonos a facer os nosos poemas que deberían conter recursos literarios inspirados e adicados á fauna e flora de Dexo. O resultado final é un precioso poemario que podedes ver completo no seguinte enlace e na exposición que preparamos para o corredor.

https://s3.amazonaws.com/online.pubhtml5.com/nxkx/aarb/index.html 














No hay comentarios:

Publicar un comentario